8.11.05

Asuntos de catro gatos

(Para Martin Pawley, que seica gusta da poesía de Szymborska pero aborrece as lecturas públicas de poemas).
[Dispénsenme, no símil, a substitución do "boxeador" polo "futbolista"]


VELADA POÉTICA
Wisława Szymborska


Aquí, miña Musa, ou es futbolista ou non es ninguén.
Non soñes con xuntar un público algareiro.
No salón hai unha ducia de persoas.
Abúrannos para empezarmos a lectura.
A metade deles veu porque chove ás cuncas;
o resto, Musa, son parentes nosos.

As mulleres haberán desmaiarse,
si, mais só á hora do partido.
Disque só o fútbol ofrece imaxes poderosas.
E logo, Musa, a posibilidade de subir ao ceo.

¡Oh, Musa!, ¡oh, Pegaso, anxo equídeo!,
non ser futbolista, senón poeta,
condenados a ser un pondal incomprendido,
e, privados de músculos, amosarlle ao mundo,
no mellor dos casos,
futuras lecturas para a escola.

Na primeira fila un velliño soña
que a súa dona, que en gloria estea,
sae da sepultura para prepararlle
unha torta de amorodos.
Con lume maino, Musa,
non sexa que se nos torre o confeito,
principiamos a lectura.

En Sól (O sal), 1962

_______________________________
Tradución de Kavafinho


6 Comments:

Blogger Martin Pawley said...

Que lle parece a vostede Nicanor Parra?

9/11/05  
Blogger folerpa said...

Moi fermoso o poema e o do futobilsta do máis axeitado nestes tempos que corren tan malos para a lírica e tan bos para as ocas verbas dos deportistas.

9/11/05  
Blogger Kavafinho said...

Nicanor Parra desconcértame. Cústame entender aos outsiders vellos. Non podo tomar en serio aos que aparentan non tomar nada en serio. E, ademais, non teño claro que desafine a mantenta. Pero poetas raros hainos a varrer. Dos de alén mar quedo con Ramos Sucre. Non me diga que non subscribiría esta coñecida alfaia del: «Un idioma es el universo traducido a ese idioma».
Por outra parte, eu querería seguir posteando estes retrincos de poetas na nosa lingua. Pero igual teño que peneirar tamén entre os da América hispana. ¿Que me di, amigo Pawley?

10/11/05  
Blogger Martin Pawley said...

Nicanor Parra é un dos meus poetas favoritos. E non creo que non tome nada en serio; de feito, algunhas das súas obras, como esta, están entre as reflexións mais lúcidas sobre o mundo moderno e os seus desastres.

Eu tamén creo que debería seguir posteando traducións de poemas. O criterio é moi sinxelo: poñer tan só boa literatura. Da América hispana, ou de onde lle cadre.

P.D.: E Juan Antonio González Iglesias, que lle parece?

11/11/05  
Blogger Kavafinho said...

O que eu expresaba respecto de Parra era unha consideración global da súa obra. Non lle nego o seu compromiso nin a súa lucidez nunha presada importante de poemas, e cómo vou menoscabar ao home que berra contra unha sociedade avolta de tamaña maneira.

No entanto, debe saber que, polo común, non me chistan aqueles que rebentan as formas. E el -queira ou non- acadou notoriedade por un cachón de antipoemas nos que, ao meu ver, bota algo por fóra.

Non lle coñezo nada de González Iglesias, pero xa vin de onde procede. Preguntarei por el aos amigos do Campo Charro.

11/11/05  
Blogger Martin Pawley said...

González Iglesias ten dous libros en Visor; recoméndolle máis "Esto es mi cuerpo" que "Un ángulo me basta" (neste último libro hai algún poema que me dá certa vergoña allea, coma ese do "pequeno Iggy Pop"). Eu sempre gardarei por el algo de respeto por ter escrito unha cousa coma esta.

12/11/05  

Publicar un comentario

<< Home