22.12.04

O deus abandona a Antonio

CANDO de socato, a media noite, se escoite
pasar, invisible, un báquico cortexo
con músicas marabillosas, con balbordo,
non chores inutilmente a túa fortuna esmorecida,
as túas obras erradas nin os soños
da túa vida que se eivaron.
Como disposto desde hai tempo, con afouteza,
despide, despide a Alexandría, que se afasta.
E sobre todo, non te trabuques, non digas que foi
un soño, que o teu oído te enganou;
non te gorezas en tan baldeiras esperanzas.
Como disposto desde hai tempo, con afouteza,
como a ti che corresponde, que dunha cidade tal mereciches a honra,
achégate con decisión á fiestra
e escoita con arrepío,
pero sen súplicas nin laios de covarde,
coma un pracer postremo, os sons,
os marabillosos instrumentos do místico e báquico cortexo,
e despide, despide á Alexandría que perdes.

Constantine P. Cavafy
1911
____________________________________
Tradución de Kavafinho