Madrid, 11 de marzo
VISIÓN DA MORTE
Manuel Álvarez Torneiro
A morte é ese frío
despois de tanta neve.
Desatino, ¿de que odio?
¿Que minada raíz onde se abren as rosas?
A morte que mirou de fronte a un neno,
que tivo ese valor,
e activou o infinito non querido,
e mirounos a todos;
a todos, repetidos nos matices dos soños,
nos ollos tan cumpridos e futuros,
ricos de mediodía
e tanto e tanto...
Inútil territorio onde todo é anulado.
Cada tarde hai un río contando a nosa historia,
un seme de buriles entusiastas,
cada tarde hai un libro de diamantes,
hai mapas estudiados na mesa dos ausentes,
un límite negado nunha aperta,
mordeduras de fe,
e hai unha afirmación,
e regresa Neruda con especias, e a chuvia
vólvese azul de horto abandonado,
faise campo ofrecido,
vidro mural onde escribir un signo
de forza rompedora.
Cada tarde tentamos matar o seu absurdo.
Non hai cisnes na morte, nen fazañas.
Non deciden os lirios o rito dos abrentes
nen a melancolía que embalsama a memoria.
A morte é un abismo incomprensible,
unha foto estragada,
un corrosivo inverno que cae en primavera,
deshabitado vento parado nas preguntas,
un número que suma a nada e a conforma,
animal amarelo ceibado onde os homes
atardecen fumando confianza.
Corredor sempre aberto que non leva a ningures.
Sol total extinguido.
A morte é un neno menos no parque convincente.
Folio negro.
Sete veces maldita, sete mil veces sete.
En Madrid, once de marzo. Poemas para el recuerdo
(Valencia: Pre-Textos, 2004)
XEIRAS DE ESTACIÓNS
Ignacio Chao
pensar que separados por trenes y naciones
tú y yo teníamos que simplemente amarnos
Pablo Neruda, Soneto II
TI chegabas das estacións das illas
de despedir un soño
con nome de balandro e canción triste,
novela de costumes no sobrazo
e fado de moeda
que a vida cuña e logo nos descubre
en piadosos vestíbulos de metro
para así desertarmos
dos salóns invernais do desamparo.
Durante un tempo extraviaches os trens,
a resignada estación de Paddington,
a vida laboral que non querías
e a vermella tarxeta de transporte
que garda no teu peto un calendario
para que non esquezas
o nome dese mes que se esmigalla
como anteriores meses lenturentos.
E daquela caíches
noutra capital do occidente
querendo novamente consumar
a regra peregrina da túa estirpe.
E tomabas eses convois,
baixando dos dormitorios da serra
ó arume estrado de Madrid
coa teima de progresares na vida
e acomodar nas rúas palabras sosegadas
como inocentes hipocampos.
E axiña comprobaches
que non é o fado timorato
quen trastorna ou modifica o presente.
Somos os homes afastándonos
da orixe, persuadidos de que a vida
é cumprirlle os antollos á ambición
e inventar para cada un outra vida,
no posible lixeira e diferente.
En Madrid, once de marzo. Poemas para el recuerdo
(Valencia: Pre-Textos, 2004)
BIOGRAFÍA DOS TRENS
Ramiro Fonte
LEVO xa varios anos
intentando escribir a biografía
dos trens madrugadores,
e así vou fornecéndome de datos
que, invariablemente, sempre acabo esquecendo.
Equipaxes perdidas;
unha locomotora bautizada,
tal como volo conto, William Shakespeare,
que descubrín, inmóbil,
naquela vía morta regresando de Bath;
as sete menos cuarto nas ecuánimes
agullas dun reloxo;
unha barra de labios;
os números
333 303
que escollo, agora mesmo,
desde a miña ventá, no portuario
rabaño de vagóns mercadorías;
un país sen fronteiras e sen rostro,
no corazón; a folla dun xornal
atrasado con rosa de Manet;
un apeadeiro en terra de ningures,
onde foi recibida pola neve,
no ano 37 do século pasado,
Antígona Esperanza...
Todo conta
para cumprir, ó cabo, esa tarefa
que me impuxen hai anos:
saír a recibir na estación da tenrura
os trens madrugadores,
os que levan e traen á xente ós seus traballos,
os que formaban parte, desde sempre,
da miña biografía.
En Madrid, once de marzo. Poemas para el recuerdo
(Valencia: Pre-Textos, 2004)
o soño é un bombardeo...
Chus Pato
o soño é un bombardeo afastado. as raíces da árbore medran sobre a destrucción da cidade, soña (a árbore) ese bombardeo, afastado no tempo
a seiva, o esquío, ignoran o que eu coñezo: que o bosque medra sobre o entullo dunha cidade arrasada
un corazón soña como as árbores soñan: en Bagdad-Vietnam, nas enmoquetadas serras afganas (no pasarán), en Hiroshima
En Madrid, once de marzo. Poemas para el recuerdo
(Valencia: Pre-Textos, 2004)
En el silencio acuático del duelo...
Manuel Rivas
En el silencio acuático del duelo,
los peces de Madrid incuban esperanza en la boca.
En Madrid, once de marzo. Poemas para el recuerdo
(Valencia: Pre-Textos, 2004)