13.12.05

Unha predilección

Ante a crecente vaga farfantona, díscola e mesmo despreciable do blogmillo, compráceme atopar posts como este de Kamikaze. Comentarios que nos empatan como fibelas, que nos concatenan a uns con outros polas querenzas comúns.

E lendo esa referencia á formidable versión que o monarca Coltrane grava en 1960 da coñecida canción do musical The Sound of Music, levado despois ao cine por Robert Wise (unha interpretación que o mesmo nos enche de whisky o vaso da memoria, nos cega os ollos con volutas dun fume proscrito ou se converte en fórmula para anainar e durmir diariamente a unha minchiña de poucos meses, como no meu caso), non puiden deixar de acordarme deste poema virgueiro de Ramiro Fonte, que seica xurdiu nun rauto lírico mentres o poeta escoitaba, día si, día tamén, a devandita peza na súa xeira londiniense.

O poema aparece no libro A rocha dos proscritos, reeditado en data recente, nunha versión ampliada, por Edicións Xerais.

Quen queira coñecer máis sobre a homenaxe que o mago do altosaxofón lle fai a esa canción ten ao seu dispor na rede a monumental tese de Scott Anderson, de título John Coltrane, o jazz de vangarda e a evolución de "My favorite things".





MY FAVORITE THINGS
Ramiro Fonte

Unha longa conversa cun amigo,
Rememorando feitos do pasado,
Unha ponte que leva ó seu destino
A un neno solitario;

Un cine e os seus bicos clandestinos,
Nunha tarde de inverno, no extrarradio
Desa cidade que salvei do olvido
Despois de moitos anos;

A noite aventureira, os días festivos
Que a dolor consagrou nos calendarios
Porque sei que tamén veñen comigo,
Que eles son verdadeiros aliados;

Unha loira de luxo que persigo
E da que me namoro coma un parvo
Nun minuto que sempre leva escrito
O signo do fracaso;

A inocencia de Mozart coma un río
Rebuldeiro, cos tempos gobernados,
Os versos dos poetas que cumpriron
O seu destino tráxico;

Curros e Rosalía, os dous unidos
(É por eles que nós perseveramos,
Xuntando unha emoción ós claros ritmos
Na verba temesiña dos paisanos);

Ella Fitzgerald, Faulkner, Os Padriños,
A ollada de John Ford neses Centauros
Do deserto
, que buscan nos camiños
A vinganza, Machado,

Baudelaire, o reloxo dos suízos
Na conversa da nora, no dramático
Tempo desas posguerras que dá frío
Agora, ó recordalo;

A estrela máis distante, que eu arrinco
Dos ceos imposibles dos románticos,
O caiuco sen nome, que un abrigo
Procura, confiado, no peirao;

O espello de Manet, os altos cimos
De Caspar Friedrich, eses lonxes vagos,
As ribeiras con místicos navíos,
Un branco transatlántico;

A saudade que arrastran os mariños
De porto en porto, os cadros de naufraxios,
As promesas, un neno pensativo,
A habanera nos labios

Nas ceas que reúnen ós amigos,
Cando todo pasou hai vinte anos,
As boas novelas, ese vello libro
Cun pétalo amarelo alí gardado;

A ría de Ares, unha rúa de Vigo
Na que subo ó tranvía do pasado,
Iso que Shakespeare puxo por escrito
Da vida, no escenario;

A pedra negra, o páxaro estorniño
Na ponliña dun verso, solitario,
O mar que chega á rocha dos proscritos,
As lanternas dos faros,

As arias de Puccini, o longo fío
Do azar, as fotos murchas, os enganos,
As mentiras piadosas, os sorrisos,
Os aneis dos planetas afastados;

As cartas de perdón, os manuscritos,
Telegramas azuis, os versos brancos,
Os bigotes de Zappa, o gran prestixio
Da lúa, catro fados,

A liberdade nos anos furtivos,
A baralla de póquer, os oráculos,
Pétalos de camelias nun espido
Xardín, alí ciscados,

E ese mesmo xardín coa luz do estío
Na roseira, moon river, un relanzo
Do río Eume, sombras nos camiños
Das cerdeiras, dos bidos, dos carballos;

As Kim Novaks do Vértigo de Hitchcock,
Rita Hayworth de loira, o mes de marzo,
O altosaxofón, o anel perdido,
Os telóns dos teatros,

O polo Sur, saber que estou contigo
Nun pub en Battersea, seguindo o rastro
Da boneca nas augas, os exilios
Dos liberais de antano;

O Grial, a ilusión neste partido
Dos poetas modernos e dos clásicos
Que resisten o frío
Dos séculos escuros, moitos tangos;

A praza da Quintana, un aloumiño,
As troskistas, a lúa dun armario,
O pasamán aquel ó que me arrimo,
Por seguir os meus pasos;

A escaleira de Odessa, ese destino
Daquel neno na ponte, un centenario
Café, no que converso cun amigo
(Aquí nos atopamos)
Longamente das cousas que eu escribo,
Por non falar de ti, que es o meu fado.


En A rocha dos proscritos;
Pontevedra: Deputación Provincial, colección Tambo, 2001.

6 Comments:

Blogger Martin Pawley said...

É un disco extraordinario ese de John Coltrane, pero dos seus o verdadeiramente sobrenatural é "A love supreme".

13/12/05  
Anonymous Anónimo said...

¿vsqn despreciable?

19/1/06  
Blogger Kavafinho said...

Despreciables os comentarios do post que sinalo.

19/1/06  
Anonymous Anónimo said...

Ah, si, certo é. O Aquí hai Tomate do blogomillo, ¿non?

1/2/06  
Anonymous Anónimo said...

Estimad@ compañeir@ blogueir@:

Permíteme que che noticie que, desde onte e coincidindo co día grande da nosa escrita, tes un novo compañeiro de viaxe no seguinte enderezo:

www.ovixia.blogspot.com

Se queres pasar por alí, xa sabes onde tes a túa casa para ler e opinar sobre literatura galega.

Aproveito, tamén, para felicitarte polo teu blog, que consulto con asiduidade e interese, polo que existe un enlace na miña bitácora para el.

Un saúdo cordial.

O vixía

18/5/06  
Blogger Silvio Falcón said...

Sorprendeume encontrar un blog de tanta calidade. Levo tempo navegando por esta rede que nos xunta a todos (os que estamos lonxe volvemos á casa por uns intres...)

Cando teñas un anaco pásate por

http://eu-e-galiza.blogspot.com

Saúdos e parabéns polo blog.

11/10/06  

Publicar un comentario

<< Home